O Club


Club Ciclista Vigués

O Club Ciclista Vigués figura nos rexistros da Real Federación Española de Ciclismo dende o 23 de setembro de 1963, que foi cando empezou a facerse obrigatorio este requisito. A súa actividade iniciouse, non obstante, con anterioridade, para recoller o testemuño doutras entidades que foran pioneiras no ciclismo galego. Basta lembrar que a primeira competición oficial celebrada en Galicia, tivo lugar na cidade olívica en 1887.

Vigo viviu unha gran actividade ciclista dende ese momento, aprestándose a acoller multitude de acontecementos, entre eles, distintas etapas da Volta a Portugal, antes de que vise a luz a propia Volta a España; e de Vigo arrancou tamén a primeira edición da Volta a Galicia, baixo a organización de clubs locais nos anos trinta do século XX.

Nesa época rivalizaban na cidade a Sociedad Ciclista Viguesa e o Velo-club Ciclista Vigués, dedicados á organización de carreiras e á competición, cos mellores ciclistas galegos da época nas súas filas: Delio, Rosales, Sanchez…
OClub Ciclista Vigués é herdeiro desa rica tradición, e hoxe mantén xa unha larga traxectoria de promoción do ciclismo en distintos ámbitos, orientada prioritariamente á formación e á inculcación nos seus deportistas dos nobres valores deste excepcional deporte que é o ciclismo.
A principal referencia da entidade e o seu equipo élite-sub 23 cunha traxectoria continuada no calendario nacional dende 1975, sendo o decano a nivel español e tendo albergado nas súas distintas plantillas as figuras relevantes do ciclismo galego.

Obxectivos do Club Ciclista Vigués

  • Promoción dun ciclismo rico en valores.
  • Buscar a formación integral de todos os seus deportistas, atendendo ao seu crecemento harmónico, física e psiquicamente.
  • Axudar aos máis capacitados a acadar altas metas deportivas, e a todos a conseguir as súas propias metas persoais.
  • Fomentar o uso da bicicleta como medio de transporte ecolóxico, alternativo en distancias curtas e medias.